Un aspecto central de Profesionais 4.0 é o plan de mellora. O programa está pensado para axudar ás empresas nun proceso de mellora, e polo tanto as contratacións para as que se concede a axuda deben ser encadradas nese contexto. Debe terse en conta que os proxectos poderán consistir tanto na execución de plans de mellora competitiva internos das empresas como na prestación de servizos de mellora a terceiros. Neste último caso, os servizos a empresas nos que se integrarán ás persoas contratadas non consistirán en actividades permanentes ou periódicas de xestoría ou auditoría (asesoría ou xestión fiscal, contable, laboral, servizos xurídicos periódicos, auditoría, publicidade e outros similares). En todo caso, as empresas prestadoras de servizos deberán xustificar na súa memoria como se vai beneficiar o tecido produtivo galego do traballo que realizarán as persoas contratadas.

Unha boa práctica á hora de solicitar esta axuda é encadrala noutros apoios públicos xa concedidos ou aos que se vai optar, por exemplo o Programa Re-acciona do IGAPE, o Programa InnovaPEME de GAIN ou o Programa Activa Industria 4.0. O programa Profesionais 4.0 pode servir para contar cunha forza de traballo adicional á hora de levar a cabo os proxectos incluidos nestes programas.

Funcionamento do programa

A previsión de funcionamento do programa é a seguinte (a data de resolución é indicativa):

Liña de tempo Entidades Solicitantes

A axuda é válida para contratos que se realicen entre a solicitude da axuda e 6 meses despois da resolución. Téñase en conta que para recibir a axuda é imprescindible que as persoas contratadas estean previamente na base de datos de candidatos do IGAPE, e que esta base pechará o seu acceso no momento de publicación da resolución.

Deste xeito, se a entidade vai contratar a unha persoa xa seleccionada, debe indicarlle que se dea de alta neste prazo na base de datos. Do contrario, a entidade pode consultar os candidatos de forma anónima ata o momento en que entregue a solicitude de axuda. Unha vez que entregue a solicitude, poderá poñerse en contacto sucesivamente cos candidatos que lle interesen ata atopar ao idóneo. O IGAPE organizará estes contactos.

Á hora de presentar a solicitude, a empresa comprométese a unhas determinadas características do contrato: remuneración , duración, experiencia do candidato, etc. En función deste compromiso, recíbese unha puntuación determinada. Máis tarde, no momento de contratar, a empresa pode contratar a calquera persoa -que cumpra os requisitos- coa que a súa puntuación non descenda fronte á recibida na resolución.

 

Ámbitos de mellora

Consideraranse os seguintes tipos de proxectos de mellora competitiva:
a) Optimización financeira/mellora do circulante.
b) Profesionalización da produción e a cadea loxística.
c) Relanzamento comercial.
d) Xestión por procesos e sistemas de xestión da calidade.
e) Imaxe e comunicación empresarial.
f) Deseño e desenvolvemento da estratexia empresarial.
g) Identificación e desenvolvemento de redes de cooperación e socios.
h) Innovación empresarial.
i) Desenvolvemento do capital humano.
j) Execución de vixilancia tecnolóxica/intelixencia competitiva.
k) Asesoramento integral ao proceso emprendedor.
l) Dixitalización da empresa.
m) Creación de contidos dixitais.
n) Incorporación efectiva de tecnoloxía.

Unha única solicitude pode incorporar varios destes ámbitos, se ben cando se trata de proxectos claramente independentes é posible presentar varias solicitudes por parte dunha mesma entidade (en ningún caso se asignarán máis de 5 persoas a unha mesma entidade).

Características dos contratos

A convocatoria financia a contratación, a tempo completo, con carácter indefinido ou cunha duración mínima de 12 meses, titorizada e con garantías de formación, de novos titulados universitarios e de grao superior de FP ás empresas. As principais cuestións que se deben ter en conta son:

1. A retribución salarial anual bruta que percibirá cada persoa contratada non será inferior a 19.000 euros.
2. Os profesionais a contratar deben cumprir os seguintes requisitos no momento de formalizar o contrato:

  • Idade entre os 18 e os 35 anos.
  • Titulación que acredite un nivel EQF (marco europeo de cualificacións) 5 ou superior: titulación universitaria (grao/diplomatura ou superior) ou título de técnico superior de formación profesional ou equivalente. No caso de títulos expedidos por centros estranxeiros, deben estar homologados en España.
  • Experiencia non superior a 24 meses no grupo de cotización á Seguridade Social correspondente á súa titulación. A efectos destas bases consideraranse grupos de cotización correspondentes á titulación os 1 e 2 no caso das persoas con titulación universitaria e os 3 e 5 no caso das persoas con titulación de formación profesional.
  • Estar dados de alta coma demandantes de emprego (ou demandantes de mellora de emprego) no Servicio Público de Emprego.
  • Non ter sido contratado anteriormente pola entidade solicitante.
  • Non ter vínculos de parentesco (cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive) cos cargos de dirección ou membros dos órganos de administración do solicitante ou das súas empresas vinculadas.
  • Para poder ser contratadas, ademais de estar inscritas como demandantes de emprego (ocupadas ou non), as persoas interesadas deberán rexistrarse na base de datos de Profesionais 4.0 do Igape, dispoñible aquí, e completar unha serie de datos curriculares. Este rexistro debe ser anterior á resolución da axuda.

Entidades que poden solicitar a axuda

- Empresas grandes ou pequenas que vaian desenvolver un proxecto de mellora interna.

- Empresas prestadoras de servizos nos ámbitos admitidos.

- Asociacións e outras entidades sen ánimo de lucro que presten este tipo de servizos.

  

Preguntas recibidas:

  • Os centros tecnolóxicos poden ser beneficiarios da axuda?

A axuda está dirixida a empresas de calquera tamaño e organismos intermedios, definidos nas bases reguladoras no artigo 4.1.b. Máis importante que o tipo de entidade é a actividade de mellora que se vai realizar. No caso dos centros tecnolóxicos, débese ter en conta que non poderán solicitar a axuda para executar actividades de I+D (para o cal xa dispoñen de outros programas da Consellería), e que os beneficiarios finais das actividades realizadas deben ser empresas galegas.

 

  • Está claro que á hora de realizar a contratación dunha persoa, esta non pode ser contratada con anterioridade pola empresa. Sen embargo, que ocorre no caso, de empresas vinculadas (por exemplo por existencia dun socio común). Podería ser contratado tras traballar nunha empresa vinculada?

Nos casos nos que hai vinculación entendemos que este tipo de requisitos esténdense tamén ás empresas vinculadas debido a que, aínda que hai persoas xurídicas diferentes, o órgano  decisor é o mesmo. Este órgano tería, por tanto, a potestade de intercambiar traballadores entre empresas para aproveitar a axuda de forma irregular, que é o que pretende evitar a norma.

Deste xeito, non serán válidas as xustificacións nas que na vida laboral consten contratacións con empresas vinculadas á beneficiaria.

 

(será actualizado segundo vaian xurdindo dúbidas de carácter xeral)