(PAE) IGAPE Puntos de Asesoramento ó Emprendedor

Índice do artigo

Sociedade de Responsabilidade Limitada

É un tipo de sociedade de carácter mercantil no que a responsabilidade está limitada ao capital achegado.

O capital estará integrado polas achegas de todos os socios, dividido en participacións sociais, indivisibles e acumulables.

Só poderán ser obxecto de achega social os bens ou dereitos patrimoniais susceptibles de valoración económica, pero en ningún caso traballo ou servizos.

As participacións sociais non terán o carácter de valores, non poderán estar representadas por medio de títulos ou de anotacións en conta, nin denominarse accións.

A transmisión das participacións sociais formalizarase en documento público.

Número de socios

Mínimo 1

Responsabilidade

Limitada ao capital achegado

Capital

Mínimo 3.000 €

Fiscalidade

Imposto sobre Sociedades

Órganos sociais

Xunta xeral de socios

Órgano deliberante que expresa nos seus acordos a vontade social e cuxa competencia se estende fundamentalmente aos seguintes asuntos:

  • Censura da xestión social, aprobación de contas anuais e aplicación do resultado.
  • Nomeamento e separación dos administradores, liquidadores, e, no seu caso, de auditores de contas.
  • Modificación dos estatutos sociais.
  • Aumento ou redución do capital social.
  • Transformación, fusión e escisión da sociedade.
  • Disolución da sociedade.
Os Administradores

Órgano executivo e representativo á vez, que leva a cabo a xestión administrativa diaria da empresa social e a representación da entidade nas súas relacións con terceiros.

A competencia para o nomeamento dos administradores corresponde exclusivamente á Xunta Xeral.

Salvo disposición contraria nos estatutos, requirirase a condición de socio para ser nomeado administrador.

Dereitos dos Socios

  • Participar na repartición de beneficios e no patrimonio resultante da liquidación da sociedade.
  • Participar nas decisións sociais e ser elixidos como administradores.

Contas Anuais

Aplícase o Título VII. As contas anuais, Real Decreto Lexislativo 1/2010, de 2 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de Sociedades de Capital.

A distribución de dividendos aos socios realizarase en proporción á súa participación no capital social, salvo disposición contraria nos estatutos.

A partir da convocatoria da Xunta Xeral, o socio ou socios que representen, polo menos, o 5% do capital, poderán examinar no domicilio social, por si ou en unión dun experto contable, os documentos que sirvan de soporte e de antecedente das contas anuais, salvo disposición contraria dos estatutos.

Documentación necesaria

A documentación necesaria para proceder á tramitación telemática da constitución e posta en marcha do seu proxecto empresarial é a seguinte:

  • Orixinal e fotocopia do DNI de todos os socios e traballadores.
  • Orixinal e fotocopia da tarxeta da Seguridade Social de todos os socios e traballadores, ou outro documento que acredite o número de afiliación á Seguridade social.
  • Certificación negativa da denominación social, é dicir, un certificado que acredite que non existe ningunha outra sociedade co mesmo nome da que se pretende constituír.

 

Ademais desta documentación, o emprendedor deberá dispor dos seguintes datos:

  • Epígrafe AE (Actividades Económicas).
  • Datos do domicilio da empresa e da actividade empresarial (incluído: metros cadrados do lugar da actividade, código postal e teléfono).
  • Porcentaxes de participación no capital social e, no seu caso, indicación da condición de administradores. Para adscrición ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos: base de cotización elixida e Mutua de Accidentes de Traballo e Enfermidades Profesionais (AT-EP).

 

No aspecto económico, requiriráselle información para realizar o pago ao Rexistro Mercantil Provincial (RMP), este pago realizarase por domiciliación bancaria, e será necesario que achegue un número de conta ou unha tarxeta bancaria.

Se o administrador debe darse de alta como autónomo, tamén deberá achegar un número de conta bancaria a realizar a domiciliación da cota do RETA (Réxime Especial de Traballadores Autónomos).

Casos particulares:

  • Estranxeiros sen DNI: NIE Comunitario ou NIE e permiso de residencia e traballo por conta propia.
  • Socios estranxeiros capitalistas (sen residencia nin actividade na empresa) teñen que achegar o NIE por asuntos económicos.
  • Socios xurídicos: Deberán presentar a Escritura da Sociedade, a Acta de Reunión na que se chego ao acordo de que formaría parte da nova Sociedade que se vai a constituír e os datos do Representante do Socio Xurídico.
  • Socios casados: DNI ou NIE do cónxuxe e réxime do matrimonio
  • Para contratación de traballadores: contrato ou acordo de contratación ou autorización para cursar o alta na Seguridade Social.

Vantaxes e inconvenientes da Sociedade de Responsabilidade Limitada

Vantaxes:

  • Modalidade apropiada para a pequena e mediana empresa, con socios perfectamente identificados e implicados no proxecto con ánimo de permanencia. Réxime xurídico máis flexible que as sociedades anónimas.
  • A responsabilidade dos socios polas débedas sociais está limitada ás achegas a capital, sendo o mínimo de 3000 € (Ler más)
  • Liberdade da denominación social.
  • Gran liberdade de pactos e acordos entre os socios.
  • Capital social mínimo moi reducido e non existencia de capital máximo.
  • Non existe porcentaxe mínima nin máximo de capital por socio.
  • Posibilidade de nomear Administrador con carácter indefinido.
  • Non é necesaria a valoración das achegas non dinerarias por un experto independente, tampouco a súa intervención ou a dun auditor en ampliacións de capital.
  • Sen límite mínimo nin máximo de socios.
  • Posibilidade de nomear Administrador con carácter indefinido.
  • Posibilidade de organizar o órgano de administración de diferentes maneiras sen modificación de estatutos.
  • Pódese controlar a entrada de persoas estrañas á sociedade.
  • Non existe un número mínimo de socios traballadores.
  • Fiscalidade interesante a partir de determinado volume de beneficio.
  • Posibilidade de fixar un salario aos socios que traballen na empresa, ademais da participación en beneficios que lle corresponda.

 

Inconvenientes:

  • Restrición na transmisión das participacións sociais, salvo cando o adquirinte sexa un familiar do socio transmitinte.
  • A garantía dos acredores sociais queda limitada ao patrimonio social.
  • Obrigatoriedade de levar contabilidade formal.
  • Complexidade do Imposto sobre Sociedades.
  • Non hai liberdade para transmitir as participacións.
  • Necesidade de escritura pública para a transmisión de participacións.
  • En canto á xestión, maiores gastos que o empresario individual ou as comunidades de bens ou sociedades civís.
  • Prohibición de competencia ao Administrador, salvo autorización da Xunta.
  • Os socios sempre son identificables.
  • Non pode emitir obrigacións.
  • Non pode cotizar en Bolsa.
  • A falta de exercicio da actividade durante tres anos consecutivos é causa de disolución.