O prazo de presentación finalizou o 27/09/2021

IG265 - AXUDAS DO PROGRAMA SINERXIA DA INTERNACIONALIZACION (2021)

Finalidade / Obxectivo

O obxecto destas bases é posibilitar o apoio á participación das empresas galegas non pemes nas misións comerciais e participación en feiras internacionais incluídas na programación de actividades internacionais do Plan do fomento das exportacións galegas 2021-2022 (Foexga).

O obxectivo principal deste programa é conseguir a internacionalización real de empresas galegas e propiciar a comercialización dos seus bens e servizos nos mercados exteriores.

As actuacións que engloban están dirixidas a:
a) Aumentar a base de empresas exportadoras.
b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.
c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial coma xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.
d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Tipos de apoio

Subvencións en réxime de concorrencia non competitiva. Réxime de mínimis.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarios as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que superen os limites establecidos para definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Os beneficiarios deberán estar ao día das súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser considerados empresas en crise a 31 de decembro de 2019. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que aparece no apartado 18 do artigo 2 do Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.
e) Que cumpran a normativa de axudas de minimis
f) Que estean ao día de pagamentos adebedados ás Cámaras de Comercio, Industria y Navegación das que formen parte.

2. Mediante a presentación da solicitude de participación na acción, os beneficiarios aceptan a tramitación a través da entidade colaboradora, que será así mesmo a encargada de informar puntualmente ao interesado sobre o estado da súa petición, os dereitos e obrigas da mesma, e das notificacións recibidas de acordo co establecido no artigo 6.2 O Igape porá a disposición deste programa, unha aplicación no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es para os efectos de cubrir o cuestionario de solicitude de participación electrónicamente.

Cualificación requerida do proxecto

As empresas deben estar dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013 (IG192).

Investimentos ou gastos computables

1. Serán subvencionables a participación de empresas galegas que superen o límite establecido para seren pemes no seguinte tipo de actuacións:

a) Misións empresariais directas ao estranxeiro (incluíndo encontros empresariais ou visitas a feiras que teñan lugar en calquera país estranxeiro), tanto en formatos presenciais como virtuais.

b) Participación en feiras ou noutros eventos expositivos que se celebren no estranxeiro, así como aqueles outros eventos promocionais do tipo congresos, conferencias ou sipnosios que aínda que non teñan un compoñente expositivo como tal, permitan indudablemente a promoción da empresa a nivel internacional e teñan lugar no estranxeiro. Tanto en formatos presenciais como virtuais.

E que sexan convocadas polas Cámaras de Comercio declaradas entidades colaboradoras no marco das axudas do Plan Foexga 21-22.

2. Gasto subvencionable:

O importe facturado en concepto de cota, polas entidades colaboradoras para a participación do solicitante nas accións organizadas no marco do Plan para o fomento das exportacións galegas 2021-2022, sendo esta cota a resultante da convocatoria de cada actuación e de importe non superior ao resultante para as pemes participantes en accións do Plan Foexga 2021-2022.

A cota deberá ser certificada para cada convocatoria pola entidade colaboradora organizadora da actuación.

3. Os gastos subvencionables deberán estar realizados e efectivamente pagados entre o día da presentación da solicitude de axuda e a data de fin de execución segundo o establecido na convocatoria destas bases e na resolución de concesión. Tamén serán subvencionables os gastos efectuados con anterioridade á presentación da solicitude de axuda correspondentes a reserva das empresas de participacións nas accións.

4. En ningún caso o custo dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado e non se admitirán os pagamentos en efectivo.

O prazo de execución de cada actuación iniciarase na data de presentación da solicitude de axuda e rematarase no prazo dun mes a partir do día seguinte ao de finalización de cada actuación subvencionable. As actuacións con data de finalización anterior ao 30 de novembro de 2021 terán como data límite de execución o 31 de decembro de 2021 e as actuacións con data de finalización posterior ao 30 de novembro de 2021 terán como data límite de execución o 30 de novembro de 2022, ambos prazos nos que se deberá presentar así mesmo a solicitude de cobramento.

Contía das axudas

A contía da axuda será dun máximo do 70% da cota establecida para a participación nas accións organizadas no marco do Plan para o fomento das exportacións Galegas 2021-2022 coa seguinte distinción dependendo do tipo de beneficiario.
Empresas non pemes con menos de 500 empregados - 70%
Empresas non pemes con máis de 500 empregados - 60 %

O gasto subvencionable máximo limitarase a 6.000 euros por empresa no caso de participación en misión comercial e a 25.000 euros no caso de participación en feira ou evento expositivo.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado dende o día seguinte a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Incompatibilidades

1. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100% do gasto subvencionable.

2. Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

Referencia lexislativa

Resolución do 12 de agosto de 2021 (DOG Nº165 do 27/08/2021) - Bases reguladoras e convocatoria 2021

Información e tramitación en

As entidades colaboradoras do Plan Foexga 2021-2022 son as encargadas de tramitar a solicitude de axuda (facer a reserva do crédito, presentar a solicitude e presentar a documentación xustificativa da actuación).

As entidades colaboradoras deberán cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias do proxecto para o que solicita a subvención e o orzamento de gastos, a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es. Deberase xuntar como documento a este formulario electrónico a convocatoria para a selección das empresas, segundo o modelo do anexo III.

Co fin de prestar asistencia para cubrir o formulario, o Igape pon a disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 900 815 151.