O prazo de presentación finalizou o 30/11/2020

IG272 - GALICIA EXPORTA DIXITAL (2020.2)

Finalidade / Obxectivo

Apoiar as empresas galegas no desenvolvemento e a implementación dun plan de Internacionalización dixital de empresa, co obxectivo de facilitar a súa presenza en mercados, o aceso a clientes, a redución dos custos de transacción e publicidade e permita abrir canles comerciais novos, para a potenciación de actividades económicas internacionais e o incremento das exportacións.

Esta convocatoria finánciase no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, que ten unha taxa de cofinanciamento do 80 % por parte do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. En particular:
Obxectivo temático 03: mellorar a competitividade das pemes, do sector agrícola (no caso do Feader) e do sector da pesca e a acuicultura (no caso do FEMP).
Prioridade de investimento 03.04: apoio á capacidade das pemes para crecer nos mercados rexionais, nacionais e internacionais e nos procesos de innovación.
Obxectivo específico 03.04.03: promover a internacionalización das pemes.
Actuación CPSO 03.04.03.01: apoio á promoción da cultura da internacionalización, apoio ao incremento da presenza nos mercados exteriores, establecemento dunha estratexia de posicionamento internacional de Galicia aliñada coa Estratexia Horizonte 2020 da UE.
Campo de intervención: 066: servizos de axuda avanzados para pemes e grupos de pemes.
Liña de actuación 15: promoción da cultura de internacionalización, presenza nos mercados exteriores, estratexia de posicionamento internacional de Galicia, aliñación coa axenda estratéxica Horizonte 2020 da UE.

Tipos de apoio

Subvención a fondo perdido en réxime de concorrencia non competitiva. Estas axudas incardínanse no réxime de axudas de mínimis.

Beneficiarios potenciais

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que cumpran a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión.
b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Que estean dadas de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir de 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados de Igape de apoio á internacionalización, deberá facerse antes do remate do prazo de presentación de solicitudes de axuda, a través do procedemento do Igape IG192.
d) Tamén poderán ser beneficiarias aquelas pemes dedicadas ao comercio retallista, que non precisan estar dadas de alta en programas do punto anterior.
e) Que estean ao día das súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

2. Non poderán ter a condición de beneficiarias:

a) As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas, consecuencia dunha decisión da Comisión Europea.
b) As empresas nas que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, ou incumpran as obrigas do artigo 11 da citada Lei.

Requisitos principais do proxecto

1. Só se poderá presentar e aprobar unha solicitude por empresa, cun gasto subvencionable mínimo igual ou superior a 25.000 € e máximo de 125.000 € por empresa. De superar este máximo procederase a axustar o gasto a este límite máximo. No caso do comercio retallista o gasto subvencionable mínimo debe ser igual ou superior a 15.000 € por empresa e máximo de 100.000 € por empresa. De superar este máximo procederase a axustalo a este límite máximo. No caso de empresas do sector da produción agraria e da pesca o gasto subvencionable mínimo debe ser igual ou superior a 15.000 € e máximo de 25.000 € no caso de empresas do sector da produción agraria e 37.500 € no caso de empresas do sector da pesca. De superar este máximo procederase a axustalo a este límite máximo.

Poderán subvencionarse os seguintes tipos de gastos:

A. Consultaría necesaria para a elaboración de:

a) Diagnóstico de potencial exportador dixital.
b) Plans de internacionalización dixital multicanle.
c) Plans de mercados electrónicos concretos.
d) Gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital.

B. Software de:

a) Soluciones tecnolóxicas P.I.M. (Product Information Management)
b) Adquisición, programación a medida e integración de conectores entre plataformas e con sistemas de información (ERPs).
c) Solucións de analítica e visualización de datos para elaborar cadros de mando con indicadores (KPI´s).
d) Solucións de intelixencia automatizada para a optimización da supply chain e do fullfillment.
e) Solucións de inbound márketing internacional

Estes activos intanxibles serán acreditables segundo se indica no artigo 15.5.g), que cumpran as condicións do artigo 14.8 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño).

C. Outros gastos de:

a) Creación e adaptación de tendas online e catálogos online.
b) Campañas de posicionamento SEM

2. O período de execución dos investimentos subvencionables denomínase prazo de execución do proxecto e abarcará desde o 14 de marzo de 2020 ata o remate do prazo establecido na resolución de concesión, que non poderá superar a data establecida na resolución de convocatoria. Calquera gasto realizado fora deste período non será subvencionable.

Investimentos ou gastos computables

A. Consultaría necesaria para a elaboración de:

a) Diagnóstico de potencial exportador dixital.
Esta análise debe como mínimo analizar a madurez dixital e internacional da empresa e xustificar as oportunidades dunha estratexia de internacionalización dixital para a empresa tendo en conta os seus recursos.
Gasto subvencionable máximo: 3.000 euros.

b) Plans de internacionalización dixital multicanle.
Estes plans deben incluír como mínimo unha investigación, avaliación e selección de mercados e canles de vendas tendo en conta o potencial exportador dixital da empresa e os seus recursos dispoñibles.
Gasto subvencionable máximo: 3.000 euros.

c) Plans de mercados electrónicos concretos.
Estes plans deben de conter como mínimo a estratexia e as accións necesarias para deseñar, programar, conectar e posicionar tendas e catálogos online multi-idioma. Así como unha análise SEO de web, catálogos online e/ou tendas online. Análise SEO por mercado xeográfico para Google e/ou buscadores de referencia (Baidu, Yandex para China e Rusia, por exemplo), e/ou SEO en marketplaces tipo Amazon, AliExpress, eBay.
Gasto subvencionable máximo: 5.000 euros.

d) Gastos de asesoría xurídica e legal para a internacionalización dixital.
Aqueles que se relacionen directamente coa operativa dixital internacional como a adaptación ao Regulamento xeral de protección de datos e, en xeral, á operativa import-export no comercio electrónico.
Gasto subvencionable máximo: 5.000 euros.

B. Software de:

a) Soluciones tecnolóxicas P.I.M. (Product Information Management) para crear, xestionar e conectar catálogos dixitais internacionais multi-idioma.
Gastos subvencionable máximo: 6.000 euros.

b) Adquisición, programación a medida e integración de conectores entre plataformas e con sistemas de información (ERPs).
Gasto subvencionable máximo: 30.000 euros.

c) Solucións de analítica e visualización de datos para elaborar cadros de mando con indicadores (KPI´s) para o seguimento e optimización de canles de vendas e de márketing online.
Gasto subvencionable máximo: 30.000 euros.

d) Solucións de intelixencia automatizada para a optimización da supply chain e do fullfillment, por exemplo, para a venda preditiva e o aprovisionamento.
Gasto subvencionable máximo: 22.000 euros.

e) Solucións de inbound márketing internacional para lograr captar, reter, converter e fidelizar a usuarios de interese obxectivo do negocio online. Inclúese desde a compra das solucións tecnolóxicas, a súa integración e tamén a súa xestión como servizo a vendedores online por parte de axencias.
Gasto subvencionable máximo: 6.000 euros.

Estes activos intanxibles serán acreditables segundo se indica no artigo 15.5.g), que cumpran as condicións do artigo 14.8 do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño).

C. Outros gastos de:

a) Creación e adaptación de tendas online e catálogos online para o márketing e vendas en mercados electrónicos obxectivo, tanto B2B como B2C.
Gasto subvencionable máximo: 10.000 euros.

b) Campañas de posicionamento SEM en directorios internacionais con buscadores e en plataformas.
Gasto subvencionable máximo: 10.000 euros.

Cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, para o contrato menor (importe igual ou superior a 15.000 euros no caso de prestación do servizo ou adquisición do ben no momento de publicar estas bases), o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación da execución da obra, da prestación do servizo ou da adquisición do ben, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de provedores que as realicen, presten ou subministren. Neste caso, presentarase un escrito acreditativo desta circunstancia, asinado polo representante legal ou por un experto independente.

En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

No caso dos activos intanxibles, para seren considerados subvencionables deberán cumprir, ademais, todas estas condicións: 1) Empregaranse exclusivamente no establecemento beneficiario da axuda; 2) Consideraranse activos amortizables; 3) Adquiriranse en condicións de mercado a terceiros non relacionados co comprador; 4) Deberán incluírse nos activos da empresa beneficiaria e permanecer asociados ao proxecto a que se destina a axuda durante polo menos tres anos.

Contía das axudas

A subvención será do 80% dos gastos relacionados no artigo 5.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o día seguinte á publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de novembro de 2020, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Incompatibilidades

Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións públicas sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100% do gasto subvencionable. Non obstante, estas axudas están suxeitas ao réxime de incompatibilidades establecido no artigo 65.11 do Regulamento (UE) 1303/2013 do Parlamento Europeo, de xeito que unha operación poderá recibir axuda dun ou varios Fondos EIE ou dun ou varios programas e de outros instrumentos da Unión, a condición de que o gasto declarado nunha solicitude de pago correspondente a un dos Fondos EIE non se declare para solicitar axuda doutro Fondo ou instrumento da Unión, ou axuda do mesmo Fondo no marco dun programa operativo distinto. O importe do gasto que deberá consignarse nunha solicitude de pago dun Fondo EIE pode ser calculado para cada Fondo EIE e para o programa ou programas de que se trate a pro rata, conforme ao documento no que se establezan as condicións da axuda.

Sendo en todo caso incompatible se o proxecto foi apoiado noutra convocatoria desta mesma liña de axudas.

Ao estar este réxime de axudas suxeito ao réxime de minimis, deberase garantir que de recibir o beneficiario outras axudas baixo o réxime de minimis non se supera o límite de 200.000 euros nun período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de mÍnimis redúcese a 20.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

Referencia lexislativa

Resolución do 12 de xuño de 2020 (DOG Nº119 do 18/06/2020) - Bases reguladoras e convocatoria
Resolución do 12 de xuño de 2020 (DOG Nº163 do 14/08/2020) - Corrección de erros das bases
Resolución do 10 de novembro de 2020 (DOG Nº232 do 17/11/2020) - Esgotamento do crédito
Resolución do 12 de xuño de 2020 (DOG Nº90 do 14/05/2021) - Corrección de erros

Información e tramitación en

* Información:

- No Servizo de Atención Telemática a través do teléfono 900 81 51 51 ou 981 54 11 47
- A través de www.igape.es ou en informa@igape.es

* Tramitación:

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado co IDE (anexo I) que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para achegar xunto co formulario de solicitude os documentos en formato electrónico o solicitante deberá previamente dixitalizar os documentos orixinais obtendo arquivos en formato PDF (máx. 4 MB). O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido e será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.

A solicitude deberá presentarse coa seguinte documentación complementaria:

a) Escritura ou documento xuridicamente válido de constitución, estatutos debidamente inscritos no rexistro competente, modificacións posteriores destes e acreditación da representación con que se actúa, no caso de entidades non inscritas no Rexistro Mercantil.
b) As tres ofertas que, se é o caso, deban ter solicitado, de acordo co establecido no artigo 5.4 destas bases reguladoras.

Observacións

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 5 meses desde a data de presentación da solicitude e, transcorrido este, poderase entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión de axuda.

O prazo de execución iniciarase o 14 de marzo de 2020 e rematará na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca poida exceder do 15 de novembro de 2020 para as solicitudes con accións a realizar ata esta data, e do 30 de novembro de 2021 para solicitudes con accións a realizar ata esta data. Estas dúas datas, en cada caso, son as datas últimas admisibles de facturación e pagamento. Dentro deste prazo de execución deberase presentar a solicitude de cobramento. Os gastos subvencionables dos proxectos realizados entre o 16 de novembro de 2020 e o 31 de decembro do 2020 serán imputados á anualidade 2021.

Para os proxectos que se executen en dúas anualidades a data límite da primeira xustificación parcial para os gastos subvencionables realizados no 2020 é o 15 de novembro 2020, e como data límite para a xustificación final dos gastos subvencionables realizados desde á anterior data de xustificación o 30 de novembro de 2021.

Poderán solicitarse anticipos de ata o 50% do importe da subvención concedida dentro do prazo indicado na resolución de convocatoria. O anticipo non pode superar o importe da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario. O prazo para solicitar anticipos terá como data límite o 30 de outubro de 2020 e o 31 de marzo do 2021.