O prazo de presentación finalizou o 31/10/2016

IG204 - APOIO FINANCEIRO ÁS PEMES - BONIFICACIÓN DOS CUSTOS DO FINANCIAMENTO DE PRÉSTAMOS SUPERIORES A 25.000 EUROS (2016)

Finalidade / Obxectivo

Bonificación dos custos financeiros das pequenas e medianas empresas de Galicia titulares de préstamos superiores a 25.000 euros, instrumentadas mediante convenio de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca.

Tipos de apoio

Axudas en réxime de concorrencia non competitiva.

Beneficiarios potenciais

Autónomos, microempresas ou pequenas ou medianas empresas (Pemes) calquera que sexa a súa forma xurídica, polo que tamén poderán acceder á condición de beneficiario as persoas físicas, agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, poidan levar a cabo as actividades ou se atopen na situación que motiva a concesión das axudas.

Terán que ter formalizada unha operación de préstamo cunha entidade financeira adherida ao convenio de colaboración asinado ao efecto, previamente ou con posterioridade á entrada en vigor das presentes bases, con fondos do ICO das Liñas ICO-Empresas e Emprendedores 2016, ICO-Garantía SGR/SAECA 2016 ou ben con fondos da propia entidade financeira sempre que estean avalados por unha SGR ou polo Igape.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens e outras entidades sen personalidade xurídica, o préstamo deberá estar formalizado a nome da entidade e deberá ser asinado por cada una dos seus membros. No caso das cooperativas, o préstamo poderá esta asinado por un representante da entidade, previa autorización dela, ou polos cooperativistas, que asumirán a débeda en proporción á súa porcentaxe de participación.

En calquera caso, os préstamos deberán estar formalizados a partir do 1 de xaneiro de 2016 e con anterioridade á data de presentación da solicitude de axuda, por un importe superior a 25.000,00 €, a un prazo igual ou superior a cinco anos e cumprir coas condicións específicas e características dos proxectos a financiar, establecidas nestas bases.

Ademais de reunir os requisitos establecidos para cada liña de financiamento deberán cumprir os requisitos para obter a condición de beneficiario establecidos no artigo 10 da Lei de subvencións de Galicia e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei e non ser considerados empresas en crise de acordo coa definición de empresa en crise establecida no Regulamento nº 651/2014, da Comisión.

Sectores incentivables

Os proxectos obxecto de financiamento a través desta liña terán que corresponderse con algunha das actividades sinaladas no anexo II.

Non obstante, no caso de proxectos que se van desenvolver por emprendedores considéranse atendibles todas as actividades, agás as excluídas nas letras c), d) e e) do artigo 1 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión do 18 de decembro de 2013.

Requisitos principais do proxecto

1. Con independencia do importe do préstamo formalizado, o importe máximo bonificable, para as operacións sen aval ou con aval dunha sociedade de garantía recíproca, será de 100.000,00 € para o tipo de xuro e 500.000 € para a comisión de aval.

2. A porcentaxe de financiamento poderá alcanzar o 100% do proxecto, non obstante a bonificación do Igape calcularase para o 75% do importe do préstamo.

* Tipos de xuro e comisións

1. Os tipos de xuro máximos, segundo o prazo e modalidade escollida, serán os publicados quincenalmente polo ICO na súa páxina web, www.ico.es, no apartado de tipo de xuro que figura nas fichas das liñas Liña ICO-Empresas e Emprendedores 2016, para as operacións sen aval de SGR e na ficha da Liña ICO-Garantía SGR/SAECA 2016 para as operacións formalizadas con aval dunha SGR.

2. A entidade de crédito non aplicará ningunha comisión ao cliente pola concesión do financiamento. No caso de contar con aval financeiro do 100%, a SGR poderá aplicar unha comisión de estudo máxima do 0,50% do importe total da operación.

3. As SGR, poderán cobrar ao cliente en concepto de comisión de aval ata un máximo do 1% do risco vivo anual.

Investimentos ou gastos computables

1. O financiamento con fondos do ICO das Liñas ICO-Empresas e Emprendedores 2016, ICO-Garantía SGR/SAECA 2016 ou ben con fondos da propia entidade financeira avalados por unha SGR, poderá destinarse aos seguintes conceptos:

a) Activos fixos produtivos novos ou de segunda man.
b) Vehículos industriais sen límite de prezo e vehículos turismos, cun prezo máximo de 30.000 €, sen incluír o IVE.
c) Adquisición de empresas.
d) Liquidez co límite do 50% do financiamento.

2. Por activo produtivo deberá entenderse aqueles bens que, directa ou indirectamente, permitan realizar a actividade da empresa.

3. Os beneficiarios das axudas establecidas nestas bases deberán manter os investimentos obxecto de financiamento durante a vixencia da bonificación á operación financeira.

4. Non se concederá axuda, por parte do Igape, ao financiamento destinado a:

a) Vehículos de transporte, no sector de transporte de mercadorías por estrada.
b) Adquisición ou construción de buques de pesca.
c) O Imposto sobre o valor engadido (IVE) ou calquera outro tributo ligado ao investimento.

5. Os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. Poderanse financiar investimentos realizados no prazo de execución, comprendido entre o 1 de xaneiro de 2015 ata un ano dende a formalización do préstamo. A diferenza entre os importes correspondentes aos investimentos e o importe disposto do financiamento, considérase utilizado para liquidez.

6. Os provedores non poderán estar vinculados coa entidade solicitante ou cos seus órganos directivos ou xestores.

Contía das axudas

1. Consistirá nunha axuda financeira que se deberá destinar á amortización anticipada do principal do préstamo. A dita axuda determinarase do seguinte xeito:

a) Axuda ao tipo de xuro de 1,5 puntos porcentuais, con carácter xeral e, no caso de emprendedores ou proxectos pertencentes ao sector industrial, en 0,5 puntos porcentuais adicionais.

b) Axuda á comisión do aval financeiro, no seu caso, que se calculará como na axuda ao tipo de xuro.

2. Terán a consideración de emprendedores, as persoas físicas e xurídicas que se encontren realizando unha actividade empresarial ou profesional con ata corenta e dous meses de antigüidade ou ben os trámites previos para poder desenvolver unha actividade económica. Dito prazo computarase dende a data de formalización do préstamo.

3. A entidade financeira non poderá cobrar comisión ningunha pola amortización anticipada do principal do préstamo, coma consecuencia do pagamento da axuda.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes por parte do interesado no Igape, iniciarase o día seguinte ao da publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2016.

Incompatibilidades

Serán compatibles con calquera outras axudas públicas ou privadas - pero en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras, poderán superar os límites máximos de intensidade de axuda establecidos pola Unión Europea para as axudas de minimis.

De xeito xeral as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais; para as empresas do sector transporte de mercadorías por estrada este límite redúcese a 100.000 euros. Para as empresas do sector da pesca as axudas de minimis totais que se concedan a unha mesma empresa non poderán superar 30.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais. Para as empresas do sector agrícola o límite de minimis redúcese a 15.000 euros durante calquera período de tres exercicios.

A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Instituto Galego de Promoción Económica tan axiña como se coñeza e, en todo caso, no momento en que se presente documentación xustificativa do proxecto realizado.

Referencia lexislativa

Resolución do 2 de agosto de 2016 (DOG Nº154 do 17/08/2016) - Bases reguladoras e convocatoria 2016
Resolución do 26 de setembro de 2016 (DOG Nº192 do 07/10/2016) - Adhesión entidades colaboradoras
Resolución do 11 de outubro de 2016 (DOG Nº 209 do 03/11/2016) - Adhesión entidade colaboradora
Resolución do 15 de novembro de 2018 (DOG Nº224 do 23/11/2018) - Adaptación do prazo de xustificación e presentación solicitude de cobro

Información e tramitación en

INFORMACIÓN: 900 81 51 51 e nas Oficinas Territoriais do Igape.

TRAMITACIÓN:

Para presentar unha solicitude de axuda o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través da aplicación en http://www.tramita.igape.es

Unha vez xerada a solicitude (Anexo I) deberá presentarse:

- Por vía electrónica. Para iso asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 e será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante.

- Ou ben, en papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando a instancia de solicitude normalizada (ANEXO I) co IDE, acompañada da documentación establecida.

Xunto coa instancia de solicitude, deberá presentarse a seguinte documentación:

* Póliza da operación financeira formalizada.

A fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon a disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, nos números de teléfono 900 81 51 51 ou 981 541 147.

Observacións

Entidades financeiras adheridas ata o momento:

– Caixa Rural Galega, Sociedad Cooperativa de Crédito Limitada Gallega
– Banco Bilbao Vizcaya Argentaria, S.A.
– Banco Pastor, S.A.
– Banco Popular Español, S.A.
– Banco Caixa Geral, S.A.
– Abanca Corporación Bancaria, S.A.
– Banco Sabadell, S.A.
– Caixabank, S.A.
– Banco Santander, S.A.