O prazo de presentación finalizou o 15/11/2015

IG209 - AVAIS PARA PEMES GALEGAS AUXILIARES DO SECTOR NAVAL PARA O ACCESO A FINANCIAMENTO OPERATIVO ADICIONAL

Finalidade / Obxectivo

Liña de avais do IGAPE para facilitar o acceso a financiamento operativo adicional, por parte das pequenas e medianas empresas auxiliares da construción naval, someténdose ás directrices horizontais e sectoriais ditadas pola Comisión Europea.

Tipos de apoio

Axuda en réxime de concorrencia non competitiva

Beneficiarios potenciais

Pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) 651/2014 (DOUE L 214, do 9 de agosto), polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado.

En calquera caso, deberán ter radicado o seu domicilio fiscal en Galicia e deberán acreditar que o destino do financiamento para o que se solicita o aval, correspóndese, directa ou indirectamente, con un contrato de subministro de bens ou servizos a un astaleiro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Non poderán ser beneficiarias das garantías previstas nas presentes bases as empresas que se atopen en situación de crise, de acordo coa definición 18) recollida no artigo 2 do Regulamento (UE) 651/2014.

Sectores incentivables

Auxiliar do sector naval

Requisitos principais do proxecto

O Igape poderá avalar liñas de financiamento, nas seguintes modalidades:

- liñas de crédito.
- liñas de desconto ou anticipo de efectos comerciais ou facturas.
- liñas xenéricas de riscos mercantís.

As operacións avaladas deberán destinarse ás seguintes finalidades:

a) Créditos de prefinanciamento: Créditos destinados ao financiamento do aprovisionamento de materias primas, pagamento de nóminas dos traballadores, impostos, seguridade social, aluguer, acredores por prestación de servizos. A necesidade do prefinanciamento deberá ser xustificada pola empresa, baseándose nos pedidos en carteira e/ou previstos para o período de vixencia do financiamento e na previsión de aplicación de fondos.

b) Créditos de postfinanciamento: Créditos destinados a anticipar os dereitos de cobro derivados das ventas e materializados en diferentes documentos tales coma facturas, pagarés, letras de cambio, etc. A necesidade do postfinanciamento deberá ser xustificada pola empresa, baseándose nos pedidos en carteira e/ou previstos para o período de vixencia do financiamento e no prazo de cobro establecido e/ou previsto.

Cada unha das operacións poderá ser concedida por unha entidade financeira ou ben por un sindicato bancario e unha mesma empresa poderá solicitar o aval para as dúas finalidades sinaladas . No caso de que o soliciten para máis dunha finalidade nunha mesma entidade financeira, poderán ampararse nunha póliza xenérica de riscos mercantís.

Deberá tratarse de operacións de financiamento novas, excluíndose expresamente a substitución de créditos bancarios preexistentes.

Entenderase que a liña de financiamento acollida a estas Bases substitúe a outras liñas preexistentes coa mesma entidade financeira cando:

a) Os contratos de financiamento que a beneficiaria teña subscritos coas entidades financeiras dende a data de entrada en vigor da convocatoria, para a mesma finalidade, fosen cancelados antes do seu vencemento, sen consentimento expreso do Igape.
b) Os contratos de financiamento, para a mesma finalidade, que a beneficiaria teña subscrito, á data da solicitude, coa entidade financeira que concede a nova operación, non sexan renovados durante a vixencia da operación avalada, sen consentimento expreso do Igape.

* O importe das operacións avaladas polo Igape para cada beneficiaria será como mínimo de 100.000 euros, e como máximo de 300.000 euros. En consecuencia, o aval do Igape será dun mínimo de 50.000 euros e un máximo de 150.000 euros.

No caso de operacións individuais nunha entidade financeira por importe inferior a 100.000 euros, o seu outorgamento estará condicionado á formalización previa ou simultánea doutras operacións avaladas polo Igape que acaden o dito importe mínimo de 100.000 euros.

A vixencia das operacións avaladas poderá ser de ata 2 anos, e a vixencia dos avais de 3 anos.

* Garantías a achegar pola beneficiaria:

As garantías a achegar serán as esixidas pola entidade financeira para autorizar a operación. As ditas garantías serán repartidas entre a entidade financeira e o Igape en función do risco asumido por cada parte.

No caso de acreditarse a constitución doutras garantías distintas ás declaradas polas entidades financeiras, o Igape non responderá polo aval concedido.

Contía das axudas

Cobertura dos avais do Igape e comisión anual:

O Igape responderá do 50% do saldo disposto, unha vez cumpridos os requisitos de execución contemplados no artigo 6.3, e devengarase unha comisión de aval anual a favor do Igape dun 1,00 % do importe do aval formalizado.

Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte á publicación destas bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 15 de novembro do ano 2015.

Referencia lexislativa

Resolución do 22 de setembro de 2014 (DOG Nº186 do 30/09/2014) - Bases reguladoras
Resolución do 21 de novembro de 2014 (DOG Nº237 de 11/12/2014) - Adhesión entidades financeiras

Información e tramitación en

Para solicitar unha operación avalada polo Igape, a empresa deberá previamente obter o compromiso de financiamento nalgunha das entidades financeiras adheridas a este programa mediante convenio de colaboración e obter o certificado expedido pola mesma, de acordo co modelo establecido no Anexo II.

Unha vez que a empresa estea en posesión do dito certificado, deberá cubrir previamente un formulario descritivo a través do enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

Xunto coa instancia de solicitude, presentarase a seguinte documentación:

i.- Certificación (segundo modelo do Anexo II) da entidade/s financeira/s que incluirá expresamente:
a) Operacións a conceder, condicionadas ao aval do Igape.
b) Declaración responsable de que ditas operacións non substitúen a outras liñas de financiamento preexistentes.
c) Garantías esixidas para cubrir o risco das operacións.
ii) NIF da empresa.
iii) DNI do asinante da solicitude. Co fin de evitar a súa achega o órgano xestor accederá ao Sistema de Verificación de Datos de Identidade e Residencia. No caso de que o solicitante denegue expresamente esta autorización deberá, obrigatoriamente, presentar o DNI.
iv) Escrituras de constitución e dos estatutos debidamente inscritas no rexistro competente así coma as modificacións posteriores.
v) Poder do representante que presenta a solicitude, inscrito, se é o caso, no rexistro competente.
vi) Contas anuais correspondentes ao último exercicio pechado depositadas no rexistro mercantil, incluído, se é o caso, informe de auditoría.
vii) Balance e conta de resultados á data da solicitude, asinado polo órgano de administración
viii) Contratos ou pedidos acreditativos do encargo de subministro de bens ou servizos a un astaleiro da Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderase excluír aquela documentación que conste xa actualizada no Igape, debendo o solicitante especificar o número de expediente no que anteriormente foi presentada.

Unha vez xerada a solicitude deberá presentarse preferiblemente por vía electrónica.

Para iso o asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 e será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Na presentación electrónica os interesados deberán achegar coa solicitude as copias dixitalizadas dos documentos relacionados no artigo 9.4.

Tamén se poderá presentar en papel no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas oficinas territoriais do Igape ou por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando a instancia de solicitude normalizada (ANEXO I) co IDE, acompañada da documentación establecida en orixinal ou copia cotexada (agás a documentación que se debe xuntar como documento ao formulario de solicitude).

A fin de prestar asistencia na formalización do cuestionario, o Igape pon a disposición do interesado o seu Servizo de Asistencia Técnica, nos números de teléfono 902 300 903 ou 981 541 147.

Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos ou non está acompañada da documentación esixida, requirirase ao solicitante para que no prazo de dez días hábiles se emende a falta ou se presenten os documentos preceptivos.

Observacións

O Igape subscribirá coa beneficiaria un contrato de garantía no cal se recollerán as obrigas das partes respecto ao aval prestado.

O prazo máximo para a instrumentación do aval e da operación avalada será de cinco meses a partir da data de notificación da súa concesión.

As empresas prestamistas terán un prazo de 4 meses dende a notificación da aprobación da operación para instar a súa formalización. En ningún caso se poderán formalizar operacións de préstamo con posterioridade ao 31 de decembro de 2015.