Actualidade

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou nun encontro dixital sobre a política de crédito e préstamos da Administración autonómica. A xornada forma parte do novo ciclo de webinarios de Igape Responde, que ofrece apoio ao tecido empresarial nos ámbitos de negocio, financeiro, de operacións e persoas. Este programa proporciona consultoría gratuíta en rede, que inclúe 14 medidas de acción inmediata para atopar novas fontes de ingresos, captar e fidelizar clientes ou mellorar a cohesión dos equipos, entre outros resultados.

As axudas aprobadas a través do programa ReAcciona, que mobilizarán 568.000€, permitirán achegar asesoramento ao tecido empresarial. Facilítase soporte especializado en ámbitos como o desenvolvemento estratéxico, a profesionalización, a dixitalización e a innovación. Con esta nova resolución, o programa, coordinado pola Vicepresidencia económica e a Amtega, xa leva apoiadas 531 iniciativas na súa última edición. Enmárcase no Igape Responde, unha ferramenta que reforza o soporte aos colectivos empresariais máis vulnerables.

A convocatoria da nova liña de axudas para as agrupacións sectoriais emerxentes, dotada con 500.000 euros, estará aberta ata o 10 de marzo. A iniciativa facilitará o impulso tecnolóxico e fomentará a internacionalización e a innovación do tecido produtivo apoiando plans estratéxicos e proxectos das asociacións empresariais.

O director do Igape, Fernando Guldrís, informou da evolución do comercio exterior galego ata novembro de 2020, salientando a mellora na última parte do ano. A balanza comercial da Comunidade é a terceira mellor de España en termos absolutos, cun saldo positivo de preto de 3800M€. Destinos como Francia, Turquía e Noruega experimentaron importantes subas. A Xunta activa apoios por 23M€ para continuar a impulsar a internacionalización do tecido produtivo con programas adaptados ao contexto económico e sanitario e a previsión de colaborar con 1500 pemes galegas. As empresas interesadas poden solicitar ata o 30 de xuño as axudas da nova convocatoria do Galicia Exporta Dixital e ata o 17 de maio as do Cheque Brexit. O DOG publica mañá unha nova edición do programa de apoio á contratación de expertos en comercio exterior, que achegará 2M€ a facilitar a incorporación ao mercado laboral de 75 mozos profesionais e maiores de 45 anos desempregados.

A través do programa Maquinaria 4.0, a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación incentiva aos fabricantes galegos de bens de equipo a converterse en provedores de tecnoloxía a nivel autonómico, nacional e internacional. As iniciativas mobilizarán 2,4M€ e desenvolverán produtos que ata o momento non se producían na Comunidade, dando resposta a necesidades de empresas tractoras da automoción, as conservas, a agroalimentación e a loxística. Este ano convocarase unha segunda convocatoria que tamén estará dotada cun millón de euros para apoiar as respostas a novos retos detectados a partir de consultas realizadas ao tecido produtivo galego.