Luns, 14 Xuño 2021 13:29

A Xunta salienta a automatización, a dixitalización e a sostibilidade como factores clave para impulsar a Industria 4.0 en Galicia

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participou hoxe en Barcelona na inauguración da quinta edición de Advanced Factories. Destacou a aposta do Goberno galego pola transformación dixital do tecido produtivo, por avanzar no desenvolvemento dos sectores económicos emerxentes e por fomentar unha economía verde e circular.

Barcelona, 8 de xuño de 2021.- O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participou hoxe en Barcelona na inauguración dunha nova edición de Advanced Factories, consolidado como o maior foro sobre automatización, robótica e Industria 4.0 en España. No acto, no que Galicia acudiu como rexión invitada, puxo de manifesto o traballo que está a impulsar a Xunta para promover a transformación e modernización do tecido produtivo galego.

Coa reactivación da economía como reto principal, Guldrís salientou que tanto a automatización como a dixitalización e a sostibilidade son aspectos que constitúen os factores clave para impulsar o sector industrial e garantir unha recuperación sólida. "No contexto económico e social actual é máis necesario que nunca promover a transformación dixital do tecido produtivo, avanzar no desenvolvemento dos sectores económicos emerxentes e impulsar a economía verde e circular", asegurou.

Un escenario no que, precisamente, afonda esta quinta edición da Advanced Factories , que suma máis de 200 firmas expositoras e ao redor de 260 expertos, co obxectivo de poñer en valor a automatización industrial como ferramenta para aumentar a competitividade e anticiparse ás novas necesidades do sector.

Así, o director do Igape salientou que nos últimos anos, tras a activación da Industria 4.0, a Comunidade logrou grandes avances co impulso de diferentes proxectos individuais de conectividade interempresarial; fomentando a creación de fábricas intelixentes en industrias tan punteiras como Stellantis, Finsa, Televes, Pescanova ou Cupa; e coa activación do emprendemento innovador a través das .

Neste marco, resaltou tamén a creación da Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia, unha iniciativa pioneira a través de Compra Pública Innovadora que está a permitir que a comunidade sexa líder en I+D+i en materia de vehículos aéreos non tripulados.

Fernando Guldrís asegurou que a Xunta seguirá avanzando co obxectivo de facer que a industria galega sexa máis innovadora, forte e adaptada ás demandas actuais, e puxo en valor as oportunidades que agora xorden no contexto dos fondos europeos Next Generation, que permitirán acometer proxectos transformadores no modelo produtivo.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios