Luns, 01 Febreiro 2021 09:08

A Xunta activa apoios para promover a actividade dos novos clústeres a prol da dixitalización e a competitividade das pemes

A convocatoria da nova liña de axudas para as agrupacións sectoriais emerxentes, dotada con 500.000 euros, estará aberta ata o 10 de marzo. A iniciativa facilitará o impulso tecnolóxico e fomentará a internacionalización e a innovación do tecido produtivo apoiando plans estratéxicos e proxectos das asociacións empresariais.

Santiago de Compostela, 30 de xaneiro de 2021.- A Xunta vén de activar unha nova liña específica de axudas que ten como obxectivo apoiar e fomentar a actividade dos novos clústeres galegos no impulso da transformación dixital e a mellora da competitividade das pequenas e medianas empresas galegas.

Dotada con 500.000 euros, a iniciativa pretende contribuír a fortalecer as agrupacións empresariais de creación recente para que mobilicen recursos e reforcen o seu papel activo na definición de estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de desenvolvemento tecnolóxico.

Mediante este programa, que se publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG), os novos clústeres poñerán en marcha plans estratéxicos e proxectos orientados ao fomento da dixitalización, a innovación e a internacionalización do tecido produtivo, cunha previsión de mobilización de 625.000 euros. Deste xeito, as axudas buscan dar soporte ao papel dinamizador que estas entidades teñen na actividade económica de Galicia.

As entidades interesadas dispoñen ata o 10 de marzo para solicitar os apoios. Na avaliación dos proxectos teranse en conta o impacto económico da actividade apoiada, o grao de representatividade do clúster no sector correspondente e a importancia do ámbito produtivo para Galicia, ademais da participación na entidade de centros ou institucións tecnolóxicas ou de investigación.

O programa complementa os apoios achegados aos clústeres consolidados, a través da liña de axudas que desde 2013 apoian os plans de formación e os proxectos de impulso da actividade das pemes galegas e dos programas que contribúen á promoción de iniciativas que lideran estas organizacións, como os proxectos Industria 4.0 ou diferentes accións para facilitar a internacionalización das empresas.

Compartir en redes sociais

Inicia sesión para enviar comentarios