Friday, 12 February 2021 11:17

A Xunta asesora ás empresas galegas do sector agroalimentario para minimizar o impacto do Brexit

O director do Igape, Fernando Guldrís, participou nunha xornada en liña organizada en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) na que se abordaron os cambios en materia de impostos e aduanas. Destaca que coa creación da Oficina Brexit a Administración autonómica reforza as medidas de apoio ao tecido produtivo con intereses comerciais no Reino Unido. As compañías interesadas en dispor de diagnósticos ou plans de continxencia poden solicitar ata o 17 de maio as axudas da liña Cheque Brexit, dotada cun millón de euros.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2021.- O director do Igape, Fernando Guldrís, participou esta mañá na xornada dixital Brexit: impacto aduaneiro, efectos fiscais e medidas de apoio ás empresas, organizada pola Xunta en colaboración co Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) co obxectivo de dar apoio ás empresas con intereses comerciais no Reino Unido e analizar as implicacións da saída deste país da Unión Europea en materia de impostos –especialmente no referente ao Imposto sobre o Valor Engadido (IVE)– e aduanas.

Na súa intervención, o director do Igape puxo de relevo o esforzo que están a facer as compañías para coñecer e adaptarse aos novos requisitos relacionados coas vendas e compras de produtos no Reino Unido, o cuarto destino mundial en importancia para as exportacións galegas. Lembrou que, para contribuír a que esta posición relevante se siga a manter e que as empresas sufran o menor prexuízo, o Goberno galego vén de reforzar as medidas de apoio ao tecido produtivo coa creación da Oficina Brexit.

Guldrís salientou que este programa, destinado tanto ás empresas que comezan a comerciar neste destino como as que xa contan cunha longa traxectoria e experiencia internacional, inclúe cinco servizos: as axudas do Cheque Brexit, unha nova antena en Londres, a ferramenta de autodiagnóstico que xa está en funcionamento, o Brexit Igape Responde e diferentes medidas de información e formación, entre as que se atopan a xornada celebrada hoxe.

Sobre a primeira das liñas, o Cheque Brexit, explicou que está dotada dun millón de euros e que o seu obxectivo é facilitar que as empresas poidan dispor de servizos de consultoría para a elaboración de diagnósticos empresariais e plans de continxencia que permitan minorar os efectos negativos que poida supor o cambio nas relacións comerciais co Reino Unido. As empresas interesadas poden solicitar as axudas deste programa ata o 17 de maio e os apoios poderán cubrir ata o 80% do gasto de consultoría que realice cada compañía.

A Oficina Brexit contempla a apertura en Londres da Antena Brexit, que ofrecerá un servizo de asesoría integral, e segue en funcionamento a plataforma de avaliación en liña activada en marzo de 2019 que permite ás empresas coñecer de forma personalizada o impacto dos cambios producidos pola saída do Reino Unido da Unión Europea e adoptar as medidas necesarias para convertelo nunha oportunidade.

Ademais, as empresas interesadas poderán acceder a través do enderezo de correo This email address is being protected from spambots. You need JavaScript enabled to view it. ao Brexit Igape Responde, un servizo de atención personalizada que atenderá consultas e dúbidas e facilitará apoio para canalizar as necesidades do tecido empresarial cara o resto de medidas dispoñibles.

O encontro celebrado hoxe contou coa presenza de expertos en servizos legais e fiscais, que ofreceron as claves principais dos cambios provocados polo Brexit en materias fiscais e aduaneiras, como poden afectar ás empresas exportadoras e importadoras, as consecuencias nas prestacións de servizos a ese país, a especial situación nas relacións con Irlanda do Norte, os impostos especiais e a devolución do IVE soportado.

As exportacións galegas ao Reino Unido
Segundo os últimos datos dispoñibles, entre xaneiro e novembro do pasado ano, das 6767 empresas galegas exportadoras, un total de 505 venderon os seus produtos ao Reino Unido, por valor de preto de 1214 millóns de euros. Mentres, o número de empresas exportadoras regulares neste destino –é dicir, aquelas que exportaron durante catro anos consecutivos– acadou as 311.

Sobre os sectores e as vendas ao país británico, destacan a automoción, o téxtil e a moda, a alimentación e a industria metalmecánica como os catro ámbitos produtivos con maior nivel de exportacións.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments